A asociación Raiolas nace no ano 2000 como unha asociación de pais e nais de persoas con Trastornos do Espectro Autista (TEA). Raiolas ten a súa sede social en Lugo e o seu ámbito de actuación é Lugo e a provincia.
A asociación creouse o 29 de marzo do ano 2000, como consta na súa acta fundacional, e presentouse como asociación o día 30 de marzo. Posteriormente elaboráronse os estatutos, que foron presentados na Consellería de Presidencia (data de rexistro de entrada o 18 de maio do mesmo ano).
Dende o momento da súa creación, o principal obxectivo da asociación foi poñer en marcha na provincia de Lugo un servizo de apoio especializado para nenos con TEA, dada a súa necesidade imperiosa, posto que, ante a falta de servizos na provincia de Lugo, as familias viámonos obrigadas a desprazarnos fóra da provincia (Santiago e A Coruña principalmente) para que os nosos nenos e nenas recibisen este apoio imprescindible para eles.
Isto conséguese no ano 2002 coa contratación dunha psicóloga clínica especializada en autismo, que, dende entón, traballa con nenos/as e mozos da asociación, xunto coas súas familias, nun local cedido polo Concello de Lugo ese mesmo ano e, a partir de 2006, noutro local cedido polo IGVS.
Dende ese ano e progresivamente, a asociación foi poñendo en marcha os distintos programas e actividades.
Na actualidade, o obxectivo prioritario de Raiolas-Lugo é o mantemento dos servizos que se lles veñen prestando ás persoas socias.
A medio prazo, o noso obxectivo é a construción na provincia de Lugo dun centro de día para persoas con trastornos do espectro autista, así como unha residencia.